Theodoro Elssaca y Claudio Rodríguez Fer |
UNIVERSIDAD DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
GALICIA-ESPAÑA
O ESCRITOR CHILENO THEODORO ELSSACA NA FACULTADE DE HUMANIDADES E NA CÁTEDRA VALENTE
O escritor Theodoro Elssaca, poeta, ensaísta, artista visual e fotógrafo antropoloxista chileno pronunciou a conferencia “Gonzalo Rojas y la poesía chilena en el centenario del nacimiento del poeta”, o luns 3 de outubro, ás 12 h., no Salón de Graos da Facultade de Humanidades do Campus Universitario de Lugo. Foi presentado polo poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer e no coloquio interveu Ana Chouciño, profesora de Literatura Hispanoamericana.
Theodoro Elssaca falou da poesía chilena dende La Araucana de Alonso de Ercilla ata os nosos días, neste caso de maneira moi próxima, pois foi gran amigo do poeta chileno e Premio Cervantes Gonzalo Rojas, así como alumno do tamén poeta chileno e Premio Cervantes Nicanor Parra. Comprometido co legado poético dos grandes poetas de Chile, Gabriela Mistral, Vicente Huidobro e Pablo Neruda, colabora coas súas fundacións e incorpora as súas voces á súa propia obra. A conferencia repetirase o mércores 5 de outubro, ás 13 h., na Aula D03 da Facultade de Filoloxía, no Campus Norte da Universidade de Santiago de Compostela.
O martes 4 de outubro terá lugar na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, situada na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e dirixida polo escritor Claudio Rodríguez Fer, un Encontro Internacional de doutores e poetas, que se suma aos xa realizados con poetas como Antonio Gamoneda ou Bernard Noël ou con filósofos como José Luís Pardo. Neles participaron filólogos de Europa, como o británico Arthur Terry; de África, como a marroquí Fatiha Benlabbah, e de América, como o estadounidense Jonathan Mayhew, todos eles estudosos de Valente, ademais de moitos outros galegos e españois.
Ás 19 horas, intervirá o investigador italiano Stefano Pradel, autor dunha tese doutoral sobre Valente na Università degli Studi di Trento, que falará de “Avances sobre Valente en Italia”. Ás 19.30 horas intervirá a investigadora francesa Claudie Terrasson, catedrática da Université Paris-Est-Marne-La-Vallée, quen tamén se doutorou cunha tese sobre Valente, e que falará sobre “Avances sobre Valente en Francia”. E ás 20 horas terá lugar un recital poético seguido de conversa co citado escritor Theodoro Elssaca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario